skip to main |
skip to sidebar

Aquí estou outra vez, en calquera terraza de calquera cafetaría de calquera rúa desta cidade, agardando por un descoñecido . Como pode ser tan difícil coñecer homes e non estar soa (non, non digas iso, non digas soa). Aquí estou coma unha idiota, coa costra do pretérito café con leite, xa apurado, a secar na taza. Con estas lentes de para parecer máis interesante e con esta maquillaxe, que agora se me antolla esaxerada, e con esta saia, que é a que mellor me queda e fai que o vento me provoque frías cóxegas nas pernas. Levo un pano vermello arredor do pescozo como sinal, agardando polo meu Hermes, pois ese nome ten el para min, así como para el o meu é Arxenta. Hermes di que traerá unha bufanda verde para ser recoñecido, iso me dixo no chat, ten boa pinta o rapaz este, agás polo mal gusto nas cores das bufandas. Non me ilusiono moito porque xa levo varias decepcións. Non lle vai estorbar a prenda, vai fresco a estas horas da mañá, o vento leva de paseo as follas murchas das árbores da beirarrúa, tristes como feras no zoo. Non debería ser tan difícil (levas retraso, Hermes), non debería ser tan difícil, digo, levar un home á miña cama para cravarlle as miñas unllas pintadas de prata nas costas, e logo da treboada, que tivera algo de expectación, cautela e agradable sorpresa final, podemos moquearnos e rir espidos do nerviosos que estabamos na nosa cita a cegas, ata atrapar o seu corazonciño entre os meus dedos. Ui, coido que é ese que vén aí, cómo estarei peiteada, fatal, seguro, con este vento, o soliño incórdiame na parte esquerda da cara. Pasa de longo, boh, xa o sabía eu, ademáis, a súa bufanda é azul e negra ademáis de verde, non podía ser el. Case mellor, que estaba un pouquiño fondón. Ben, agardo a Hermes, non a un Adonis, que perto dos corenta e soa tampouco é para poñernos exquisitas. Eu só quería un corazón, para enredar con el, o peor da soidade é iso, o aburrimento. Pero tempo ó tempo. O tempo pasa no meu reloxiño de esfera de prata, por qué todo é tan complicado, o tempo pasa polos meus anos e eu ainda sen cativos nin frustracións matrimoniais nin orgasmos rutinarios, examino no meu espelliño prateado as engurras a carón dos meus ollos. Pecho o espello, non estou tan mal. Ben, son xa case tres cuartos de hora de retraso, por esta vez cómpre renderse, chamo ó camareiro para ir pagando, ti o perdes, Hermes, dígome sen entusiasmo. Arrombo o espelliño dentro do bolso mentres os nervios lle van deixando sitio á decepción no meu peito, unha vella amiga. Outro prantón máis. Remexo no bolso sen mirar buscando o moedeiro e atopo, por falsa casualidade, un obxecto coñecido no que me deteño. As xemas dos meus dedos aloumiñan o gravado da miña navalla de afiadísimo gume, toda enteira de prata, cun coidado breve mais case sexual. Saco o moedeiro. Ti o perdes, Hermes, ti o perdes.
10 orballando, e ti?:
Gostei do conto, do que si non gosto nada son das citas a cegas.
Saúdos
A min xa non o que non chega, senón a xente impuntual. Bo relato
moi bo! eu, coma a conxurada, non son nada amigas das citas a cegas porque son por natureza desconfianza, pero se son cos libros ou con contos, xa non me desgustan tanto.
Breve e intenso. Un bó retrato o da protagonista. Final curioso: unha pizquiña de thriller que se deixa insinuado. Un moi bó relato.
Gracias polos vosos comentarios. Un saúdo a todos.
Co ese final non se sabe se se suicida ou é unha asasina.
Gustoume o relatiño.
A ver si o final o Hermes se librou dunha boa! Gostei do relato.
Acaso esqueceu que Hermes é tamén o deus dos mentiráns?
Gustoume moito, parabéns.
Bravo, Mr.
Postar um comentário