26 Fevereiro 2008

Nuremberg

O domingo fixo un día primaveral e fomos coñecer a cidade de Nuremberg (Nürnberg), a unha horiña de tren de Ratisbona. E a excursión pagou moito a pena.
Nuremberg foi cidade imperial e hoxe é a puxante segunda cidade de Baviera, por detrás de Munich. Claro que os nürnberger non queren saber nada de Baviera. Nuremberg é a capital histórica de Franconia (Franken), que aspira algún día a secesionarse dos Bávaros.
Malia ser hoxe unha grande cidade, a súa cidade vella conserva o seu encanto medieval e imperial, dá gusto pasear polas súas rúas peonís.
Na praza do Mercado (Hauptmarkt) atopamos dúas xoias: a igrexa de Frauenkirchen e a impresionante fonte dourada Schönner Brunnen (que se traduce por Fonte Fermosa).


Esta fermosura agacha unha historia terríbel. No mesmo sitio houbo unha Sinagoga e un barrio xudeu. Como os artesáns e burgueses anceiaban o sitio para facer un mercado o Kaiser encirrou ós cristiáns e promoveu o Pogromo de 1349, un linchamento masivo onde máis de cincocentos xudeus foron queimados vivos. E nese lugar erixiuse a igrexa, concebida para gardar as xoias da coroa do Emperador, que por certo, bailaron entre a igrexa e o castelo e outros escondedoiros, remataron en Viena, Hitler devolveullas a Nuremberg e trala guerra volveron a Viena. Como vedes, a política e a violencia poden agacharse trala beleza e a arte.
A Frauenkirche, pola súa parte, mudou de católica a protestante e viceversa varias veces coas distintas reformas e guerras. No seu curuto ten un reloxo do que cada día ás 12 saen os Laufmännlein, un carrillón de figuriñas ben simpáticas que dán voltas coas badaladas. Por suposto, se un se fixa, tampouco está aí por facer chiste: son diversas figuras de bispos e reis que xiran arredor do Emperador e lle renden pleitesía. Un símbolo máis de poder.
Arriba vedes a fonte (a foto foi tomada lonxe de máis, xa o sei) e detrás vese a igrexa de San Sebaldo, a cal foi totalmente esnaquizada na guerra e logo reconstruida, como vedes na foto de abaixo. Nuremberg ostentou a dubidosa honra de ser unha das cidades preferidas do Hitler, por mor do seu pasado xermánico e imperial, e iso pagouno ben caro. Aquí á esquerda, un detalle da fonte.
A fonte ten no valado de ferro que a circunda un anel, o Wünschring, do que disque hai que xirar e pedir un desexo. Contan que un aprendiz de ferrolleiro estaba namorado da filla do mestre, mais este desaprobaba a relación. Así que en segredo e por amor o mozo forxou un anel de ouro e o entrelazou na cancela da fonte. O mestre rendiuse ante tal obra, porque o anel non parecía ter marcas de comezo nin final, e ninguén sabe como o mozo o dou forxado e colocado aí en quente. E con iso gañouse a aceptación do artesán.

E este é unha parte do famoso castelo do Emperador ou Kaiserburg, que domina a cidade. O seu pazo, a súa Fonte Profunda (Tiefer Brunnen) e a Dobre Capela do Emperador merecen ser vistas.



Quedounos por ver a casa-obradoiro do pintor Albrecht Dürer, Durero, Dureiro ou como o queirades chamar, o Museo do Xoguete e a Flocke, o curriño oso polar do Zoo de Nuremberg que disputa co Knut de Berlin ser o oso máis curriño de tódolos osos. Queda para a vindeira.




Como detalle, esta escultura no pórtico da basílica de San Lourenzo. Non estou afeito a ver figuras humanas espidas nas igrexas, e menos con ese desenfado. É Eva e ó outro lado, por suposto, estaba Adán, mais preferín postar a Eva :) E abaixo un detalle dunha escultura bastante grotesca coa que toupamos pola rúa.

1 andan orballando:

Micas disse...

Realmente o sul da Alemanha deve ser bem mais bonito do que aqui o centro. Cada vez tenho mais curiosidade em conhecer o sul.
Unha aperta