11 Março 2008

De boas intencións está empedrado o camiño ó inferno


De boas intencións está empedrado o camiño ó inferno, repítome unha e outra vez nesta noite idiota, proclámoo en baixiño para o colo da camisa e besbesélloo berrando para toda a veciñanza. O alcohol bate nas tempas, o estómago revolto, as imaxes irreais do que puido ter acontecido hai un intre, ou unhas horas, tanto ten, o tabaco pretérito e a viruxe presente amolando a voz. Porque isto de adentro quere saír, e iso non é bo, porque comezas vomitar serpes eléctricas de whisky de garrafa e fires os amigos e fires a moza, aldráxalos, fóra de min, baldreus, malditos... Os miolos durmen entre algodóns de dor, o meu piloto automático é o que se encarga de levarme a casa e arrastrarme polas rúas molladas, guíame a búsola de bágoas que levo atoada na gorxa. Dóeme a boca, a labazada que me arreou aquel imbécil descoñecido, labazada merecida, mais imbécil en todo caso, os que se cren os meus amigos poñendo paz, logo consolándoa a ela, eu quero destruirvos a todos, quero estoupar, e lisco, marcho, non vos quero saloucar con isto que levo dentro, non sería xusto, ainda que me sudedes todos o carallo e me importedes todos xuntos menos ca esta lúa indefinida que imita ás farolas, ainda así, non estaría ben salferirvos con este líquido que abrasa. Non é voso. E eu empedro e empedro, volto só a casa. Non hai casa, decátome, non hai volta, si hai soidade. Veu a claridade non sei cando e a luz das farolas xa non reflicte no asfalto mollado que piso con liberdade, valente contra o inexistente tráfico dunha mañá ceda de domingo. O camiño ó inferno, de boas intencións está empedrado o camiño ó inferno, disque seica, e eu empedro e empedro, os políticos braman, o termómetro sube e os diques do peirao saltan en anacos. Poucas intencións me restan e ningunha é boa, mais collo a pedra, collo esta pedra e sei que podería guindala, rebentar a vosa cabeza dunha boa pedrada, ou os cristais que claman para que alguén os escache, que os libere en miles de anaquiños libres e entrópicos, e mastigalos ata facer sangue na boca e cuspila na parede. Mais en troques collo esta pedra que todos mirades e ledes e busco unha greta no asfalto, atopo unha fenda pola que asoma unha presiña de herba, un minúsculo edén esquecido, aparto un pouco a herba, raño na terra ata que a súa sequedade me fire embaixo das unllas, o asfalto fúndese nalgo fluído negro e fedento, só hai terra e a pedra, e dunha puñada que me fai sangrar os cotelos encaixo a pedra con toda a miña boa intención, e así vou empedrando o meu camiño ó inferno.

2 andan orballando:

juan martinez disse...

nice blog!!!
i really like this post

if you want to see my pictures
www.misesbozos.blogspot.com

thanks!!!

torredebabel disse...

que duro e ao mesmo tempo que fermoso...