
Cando era adolescente, e xa non tan adolescente, era fan acérrimo dos Guns N'Roses. Tíñano todo: actitude rockeira en plan "se non che gusta o que facemos, fódete", carisma a moreas, unha manchea de moi boas cancións (grandes músicos, grandes letras de Axl), e, se seguías a prensa musical, unha colección de escándalos que non permitían a ningún fan aburrirse. E. tíos, aí tocaba un elemento coma Slash! E supoño que eu non era o único. Revolucionárono todo co seminal e punkeiro Appetite for Destruction (1987) e convertíronse en reis do cotarro cos hiperelaborados, megalomaníacos e a ratos xeniais Use Your Illusion I e II (1991, coido).
Despois do disco de versións The Spaghetti Incident Axl e compañía embarcáronse en leas legais e caralladas, os membros orixinais da banda foron abandoando o barco un por un e o Mr. Rose foi quedando só na gravación do novo disco dos Gn'R, fichando á súa vez mercenarios que non lle levantasen a voz.
Así que chega o disco máis esperado e caro da historia, 17 anos (!!) pasaron dende a última gravación dos Guns. Dezasete anos son moitos anos, os fans adolescentes xa non son adolescentes e non comungan con rodas de muíño. E na carauta do CD hai dúas mentiras: non hai democracia en China e este non é un disco de Guns N'Roses, é un disco de Axl Rose cunha banda circunstancial de acompañamento (o mellor e máis friqui, tamén xa fuxido, o Buckethead, o guitarrista cun cubo de polo frito por chapeu)
Chinese Democracy é un disco retorto, delirante, hiperproducido ata a esaxeración (hai cancións con seis guitarras), con pouco rock duro e cunha sensación de retraso, de querer facer un disco rachante e marcador de tendencias no 96 ou 97 e sacalo no 2009. No entanto, Axl pelexándose co aire que respira, os seus ex-compañeiros, retorcendo a producción ata o exceso... É un pastiche extraño, escoiteino varias veces e non sei se é un bo disco ou malo, xúroo. Hai cancións moi boas, hai momentos extraños, hai grandes cagadas. No positivo, a voz e enerxía de Axl, un torrente interpretativo. A min encántame a que segue, There was a time, podedes escoitarlle máis no seu maiespeis. Para gustos...
O que si sei é que non hai Guns sen o talento de Izzy Stradlin, Slash e Duff. Eles mantiñan o descomunal ego de Axl a raia. Claro que eles montaran outro proxecto, Velvet Revolver, uns petardos de coidado, amosando todo o contrario do que querían amosar: sen o maldito W.A.R. son moi pouquiña cousa.
O asunto é que buscabamos emocionarnos coma cos Illusions ou o Appetite, e descubrimos que eles non son quen de facelo. Por unha banda é culpa súa e por outra nosa. Desenganémonos, NADA poderá xa emocionarnos dunha forma tan inocente, non hai música ou película ou libro que nos conmova así. Xa pasamos dos trinta, estamos queimados de non sei qué e non temos posters de melenudos penddurados nas nosas paredes. Se cadra algún cadro do Ikea ou a enésima copia de Van Gogh. É o que hai. Non é derrotismo, non me cambio por aquel rapazolo infeliz e desnortado.
Así que Axl, machotiño, volve chamar ós teus ex-colegas ou non nomees ós teus extraños proxectos personais co nome da túa antiga banda. Arrodéate de máis músicos que che contradigan e menos avogados e lambecús. E, sobre todo, por riba de tódalas cousas, ASASINA Ó TEU PERRUQUEIRO!!







1 orballando, e ti?:
Postar um comentário