22 Fevereiro 2009

Nevou e nevou



Se durante toda a semana que agora remata caeron algunhas nevaradas, o de entre o xoves e o venres foi espectacular. O bo foi que Regensburg e Passau quedaron ben fermosas de branco. O malo, que é un noxo ir ó traballo en bici tragando folerpas de neve e sen ver o camiño, tanto que unha roda escorreu e levei unha boa cuada que ainda me doe (tranqui papá, levaba o casco que me agasallaches, mágoa non levalo no traseiro). O bo é, que contra o que se poida pensar, a neve cae cando as temperaturas son moderadas, ver lucir o sol en Baviera pola fiestra non é unha grande nova, fóra pode estar por debaixo de -5ºC. O malo é que o tráfico estivo moi perxudicado, o bo é que viaxei en tren, vendo a Baixa Baviera demudada nunha alba Siberia, Sibaviera, brancos campos, ceo, luz, todo. O bo é que Anniña e eu mercamos un trineo de madeira e fomos xogar ás camposas, coa ilusión dos nenos pequenos, saudando ós bonecos de neve. O malo é que había sen esaxerar medio metro de espesor de branda neve, e o trebello espetábase sen remedio sen querer avanzar un metro. O bo é que case nos dou igual, mollados os calcetíns, risos no branco. O malo é que as temperaturas subiron, cae un orballo grisallo e a neve funde, deixando todo enchoupado e lamacento, baixando os regos derrotados. O domingo deixou os seus restos, emporcallados, xa non brancos, arrombados na beira das rúas, montículos grises e marróns derreténdose, desangrándose en auga, e o trineíño que non é Rosebud agardando mellor ocasión no faiado.

7 orballando, e ti?:

turonián disse...

:)
Malia a que busquei e busquei, galegos na baviera para ter unha visión máis propia, e mesmo a pesar das túas aparicións en medios de masas que uso habitualmente cheguei aquí por medio dun blogue de cociña, creo.

Síntome un pouco, e clandestinamente, identificado coa túa historia. Eu aínda moro en Compostela pero vou visitar a próxima semana a miña mosiña bávara.

Só quería deixar un sorriso e muita forza :)

Mr Tichborne disse...

Benvido a esta santa casa galegobávara, Turonian. E se vés físicamente por Regensburg, xa sabes.
E coidado coas bávaras ;)

turonián disse...

Tarde piaches co das bávaras :)
Normalmente vou a Minga ou ás veces Wolnzah. Ando cun pé aqui e outro alá, e non só o pé.

Mr Tichborne disse...

Munich-München dise Minga en bávaro? Nunca o oíra.
Abstereime de chistes fáciles.
É bonito Wolznach?

ekis1331 disse...

Miiiingaaass!!

Meu Deus...

torredebabel disse...

pois quen nos dera aqui un pouquiño desta neve!!! Apertas!

turonián disse...

Pois feo non é, pero eu vou por ver os pais da mosa... chámanme a atencion muitas cousas pero supoño que é unha típica vila pequena bávara. O que mirei é que non queda mui distante de onde ti moras.
Minga é a maneira mais facil que teño, co meu paupérrimo alemán, de referirme a München pero o fago co gusto de saber que en bávaro tamén así o fan.
Saudiña