- A propia manifa. Catro mil mataos e case todos de fóra, malia a todo o apoio mediático. Xa opinei sobre esta xente. Que o pasen ben.
- A contramanifa ridiculista e pacífica. Paréceme un erro, refírome a coincidila no tempo e lugar coa primeira. Se se quere contramanifestar a esta xente, que por mal que nos caian teñen todo o dereito do mundo a concentrarse para dicir burradas, montas unha manifestación en defensa dos dereitos lingüisticos dos galegos e do galego, outro día e como é debido. A asistencia sería masiva. Mais así dase unha imaxe subordinada de "anti" que non me parece axeitada. Digo: facer o mesmo pero outro día. Ese día, pasar deles. E mira que me fixo gracia o da vaca.
- Os catro de sempre que andan a rebentar todo, igual que sexa nas de Galicia Bilingüe, Nunca Mais ou a Reconversión Naval. Parabéns, rapaces. Agora os Bífidos poden ir de vítimas, abrir os xornais afíns con primeiras planas sobre o boicot violento dos radicais galeguistas (terroristas! terroristas! es porque hablan gallego!) e tinxir co odio a todos os que amamos a nosa lingua, e non do que deberían falar: que a manifestación de Galicia Bilingüe foi un sonoro FRACASO. Son quen de dicir no futuro que teñen medo, que viven ameazados polo totalitarismo nacionalista... Caralludo.
- O cuarto grupo, radical, uniformado e coas mans moi longas (e as porras, e as pelotas de goma...) cumprindo co seu deber. Ou sexa, co que lles mandan. Aproveitan as accións dos do terceiro punto (coas que contan, porque nunca nunca fallan) para mallar nos do 3º e nos do 2º e nalgún despistado que pase por aí. Baixo ningún concepto ós do 1º. É máis, se hai que inflar a cifra de manifestantes, faise.
E tampouco quero tinxila co odio. O odio non axuda. Non odio, e vós tampouco, ós que falan castelán. Conto cos dedos e a meirande parte dos meus amigos fálano, e qué. Odio as mentiras e a manipulación, iso si. Mais parece que só sabemos calar coma petos ou guindar croios. Mellor guindarlles verdades. Doen máis.







4 orballando, e ti?:
Discordancias amábeis:
1) non foron catro mil, eu dubido que pasasen dos 2000, xa que non deron enchido a Quintana, en calquera caso estas disputas son vas, o caso é que moi boa parte deles non eran galegos.
2) a contramanifestación ridiculista nunca obstaculizou á outra, de feito, algún pensaron que en serio ían con eles e lles aplaudían (sic). Polo demais, e por medios pacíficos, había que demostrarlle a esa xente que non son benvidos. Eu tamén non ficaría calado diante dunha manifestación a favor da pena de morte, o xenocidio palestino ou o apartheid. Ti que vives nun país cunhas leis moi duras ao respecto debes facerte unha idea do que estou a falar. Que todas as ideas son respeitábeis é un enunciado que admite milleiros de matices.
3) Eu non asumiría a dinámica narrada pola prensa como auténtica ou única. Até os grupos máis "radicais" asumiron unha postura absolutamente pacífica, en ningún momento atacaron aos manifestantes. A gresca comezou cando foron agredidos por membros da manifestación (o señor que saiu tanto na prensa), e máis tarde, cunha brutalidade inxustificada, polas forzas de seguridade do Estado (non tes máis que ver como detiveron ás vacas). Eu tamén non gosto deses incidentes, pero entendo a lóxica pola que suceden (e que non é a de "jóvenes radicales atacaron a los manifestantes").
Teño participado en moitos actos e manifestacións do "outro lado", e podo dicir que os galeguistas nunca agrediron a ninguén por increpalos (cousa que pasou a miúdo). Tamén non vin nunca á policía escoltándonos, máis ben en fronte de nós, cortándonos o paso.
A manifestación do domingo foi unha provocación amparada e protexida polas forzas da orde, ademais dunha sucia manobra política. A nós téñennos proibido saír á rúa por moito menos. Que ninguén diga que o que pasou foi unha sorpresa.
4) Aí si que che dou toda a razón.
Eu creo que é imposíbel ver a loita pola lingua dende unha perspectiva despolitizada. Unha lingua é de por si un elemento político e identitario. A política vai sempre con ela, por máis que non a queiramos ver. As xeracións que a mantiveron viva até hoxe contra vento e maré fixérono por algo, aínda que non fosen conscientes (puideron abandonala como os aragoneses ou os dálmatas). Eles non puideron organizarse para facelo doutro xeito, nós, pola contra, si, e sería un insulto non facelo. Que a nosa loita poida caer na política partidista é un dos riscos que estou disposto a correr.
Puntualizacións tan amábeis coma ás túas discordancias.
1) Dou por certa esa cifra que me dis. 4000, ou 7000 como dixo a policía, segue a ser ridículo, pero ti saberalo mellor.
2) Gústanme as accións ridiculistas, esas tamén, e non dubido do seu pacifismo e borrollismo. Co que discrepo é co momento, non entendo iso de "facerlles ver que non son benvidos". Si o son. Se cada vez que abren a boca quedan en ridículo... Fago en falta unha grande manifestación en defensa dunha vida normal en galego. Non tódalas ideas son respectables, eu non respeto esas, mais si os dereitos da xente que as proclama, malia que eles non respeten os meus.
Só digo que si á loita pero non así, subordinada e castrada.
3) Non dubido de que esas liortas comezaron como dis, mais non dubides que houbo grupiños que viñan preparados para armala. Naturalmente que non foi unha sorpresa, todo foi previsible e previsto. E coido que deixei claro que non admito a prensa como verdade única, Alá me libre.
4) Pois aí estamos de acordo.
Falei de política partidista, polo menos dos partidos que tan mal nos representan. Quixen falar de política civil, de debate social. Política é querer cambiar o mundo. Por suposto que política si.
Un saúdo.
"A manifestación do domingo foi unha provocación amparada e protexida polas forzas da orde, ademais dunha sucia manobra política." Cravado. 100% dacordo.
Só quixera deixar claro que non misturo as actividades pacíficas da meirande parte dos contramanifestantes coas de certos violentos. Só discuto a oportunidade das mesmas.
De novo un saúdo.
Não estou a par do que se passou em Galicia, mas para mim a lingua é a identidade de cada povo e nada tem a ver com nacionalismos. Como minhota tenho muito mais em comum com os galegos do que com o centro e sul de portugal. Sou pelo ensino do Galego nas escolas do alto minho porque tb é a nossa identidade, ao invés disso os governos do meu país preferem fazer acordos ortográficos onde o português passa a ser escrito de igual forma ao português do brasil...enfim...
Os Galegos tem todo o direito de falar galego. Haja sensatez e respeito por parte de todos os outros que não o falam ou não o querem falar.
Postar um comentário