Ás veces un aprende cousas polos camiños menos agardados. O principal clube de fútbol desta cidade é o SSV Jahn Regensburg. Sempre pensei que o nome era pola illa de Jahn, unha lingua de terra que sobresae entre o Danubio, entre a cidade vella e o fermoso barrio de Stadtamhof, na que mesmo se celebra un festival de concertos en verán. O equipo, pola súa banda, pelexa na Terceira Liga, equivalente á nosa 2ª B e de nova creación, e non lle vai moi ben que digamos, xa que vai penúltimo. Chegou a xogar na Segunda División, un exitazo para unha cidade como Ratisbona, xa que para facernos unha idea aí están atrancados clubes históricos coma o 1. Nürnberg, o Kaiserlautern, o Hansa Rostock, o 1860 München ou o entrañable St. Pauli, que se merece un post para el só.O caso é que fozando no fantástico blog Diarios de Fútbol atopei de casualidade a orixe da denominación do clube. E resulta que o nome lle vén deste nacho:

Friedrich Ludwig Jahn (1778-1852) é coñecido como o Turnvater ou o pai da ximnasia, e é un dos personaxes máis venerados e influíntes do século XIX dos países de fala xermana. Neses tempos non existía Alemaña como país, senón varios reinos e estados de fala xermánica, entre os que salientaban Prusia e Austria. Jahn introduce a ximnasia na cultura e na educación e funda clubes de ximnasia por tódalas partes. Non era unha promoción gratuita do deporte e da vida sá, senón que ésta ía en compaña dun forte sentimento nacionalista xermánico, reafirmador fronte á hexemonía de Napoleón e que desembocaría con arres e xos na unificación alemana, quedando integrados os estados de fala xermánica agás Austria. Aí tivo moito que ver a ximnasia, celebrada coma un rito nacional, baseada sobre todo no sendeirismo, a natación e a esgrima. Por certo que o tipo soñaba cunha Grande Alemaña na que incluía Holanda, Suíza e Dinamarca. Non sei se isto, cen anos máis tarde, vos soa de algo...
Todo este nacionalismo unitario quedou sepultado despois da derrota de Hitler. Mais o que si quedou é un profundo espírito deportivo na cultura alemana. Todos practican algún deporte, vexo xente facendo jogging ata nevando, o deporte está integrado no ensino... Claro que hoxendía ó mens sana in corpore sano engádeselle a esixencia dun corpore bonito e fardón para ir sexy e á moda.
Pois dous destas sociedades deportivas de Regensburg fusionáronse no Sport- und Schwimmverein (resumamos esta parte en "SSV") Jahn Regensburg, levando ese nome en honra ó prohome, como moitos outros en Alemaña. No 2000 a sección de fútbol secesiónase e enrola varios xogadores do que era o primeiro clube de fútbol da cidade, o SG Post Süd, acadando o fito de xogar unha temporada na 2ª Bundesliga. Hoxe xoga como xa dixemos, na 3ª Bundesliga, e o que é peor, con dificultades económicas moi grandes e nun proceso de insolvencia. Agardemos que lle vaia ben e que non desapareza.






1 orballando, e ti?:
Que cousas curiosas ten o fútbol alemán, rediós. Se algún día tomamos esa caña que leva un ano adiada heiche fusilar a preguntas.
Por certo, post do St. Pauli, xa!!!
Postar um comentário