
Hoxe os traballadores da nosa empresa fomos convidados á reunión anual cos xefazos, que nos explican o balance do ano pasado, os plans de futuro e rogos e preguntas. Medio en chanza os compañeiros comentaban que nos ían explicar por qué non recibíamos xa apfelschorle cortesía da empresa. Esta beberaxe non é máis cá mistura de zume de mazá e auga con gas, algo que se bebe moito por aquí coa calor. O caso é que sempre recibimos agasallo da empresa froita e botellas de auga e de apfelschorle. Nas últimas semanas anunciárannos que para recurtar gastos o "schorle" de balde quedaba suprimido, non o resto, e tal como están as cousas aí fóra, amigo hipotecado, mellor non queixarse por banalidades.
Pois na conferencia falouse disto e do outro, e por primeira vez planexou a xa famosa crise. Máis ou menos viuse a dicir, sen falsa modestia, que se fixeran as cousas moi ben, o crecemento da empresa foi espectacular e conseguiu manterse, mais que a fodenda da crise aféctanos a todo. E explicouno con detalles aterradores. Dá igual o ben que o fagas se o mundo arredor tolea e se afunde.
Por exemplo, dá igual que sexamos os mellores no noso se os nosos clientes se van ó tacho e quedan sen cartos. Podes presentar prezos competitivos en euros, pero como o dólar está á altura da lama o cliente ianqui enruga o fociño e parécelle todo caro. Ou de cómo utilizamos como materia prima unha substancia que era barata por ser un refugallo da industria de automoción. E era barata porque vós xa sabedes cómo lle vai á industria da automoción, xa non fan coches, polo que producen menos dese prezado refugallo, que cuadriplicou o seu prezo e disparou os nosos custos. E así varios exemplos máis. Logo tranquilizáronnos coas novidades, que ían asegurar os postos de traballo, I+D para competir mellor e abaratar custos, e que todo segue igual.
Fun traballar pensando en cómo as dificultades de General Motors (e por ende da súa filial Opel) fan que no noso laboratorio xenético, noutro sector moi diferente, non recibamos o noso zume de mazá con gurgullas, e de cómo para o malo, interrelacionámonos todos. Quero dicir, cando ós bancos e á General Motors lles ía ben e amasaban cartos por billóns iso non repercutiu no meu soldo/paga de paro (segundo o momento) e parece lóxico que así fose, mais se eles se afunden imos todos detrás. Non é xusto, mais dinme por aquí que non se trata de xustiza.
Que todo se quede no do apfelschorle.






1 orballando, e ti?:
Éche así, o colmo da perversidade.
Os Monty Python son a hostia. O Sentido da Vida vino varias veces, pero a primeira foi de neno, e deixoume traumatizado a escea na que o gordo do restaurante estoupaba despois de potear sobre todos... agora faime gracia pero entón...
Estou de acordo coas túas impresións sobre a peli de O Afundimento, moi boa, e moi interesante a reflexión que fas citando a Borges.
Postar um comentário