23 Março 2009

Desexos negros



Estes días ando a desfrutar cunha das bandas máis importantes da historia do rock francés, Noir Désir. E como me apetecía máis música deles e tamén máis información sobre a banda, púxenme a pescudar. En mala hora.
Noir Désir (Negro Desexo) levan dende finais dos oitenta sacando discos, sempre dentro dunha evolución moi persoal e, malia o seu éxito, sempre á marxe da comercialidade. Facían un rock moi oscuro, bastardizado dos Doors, cantado tanto en francés coma en inglés. O seu vocalista e líder, Bertrand Cantat, foi xa varias veces operado das cordas vogais por mor da súa afición a dar alaridos nos concertos. Tanto lle ten. Os textos, de Cantat, son líricos, suxestivos, poesía.
Vou dicindo isto para que vos vaia caendo ben o nacho. Para que vos caia ainda mellor, podería falar da implicación de Cantat e de ND en moitas causas antiglobalización, antifascistas, en pro da libre circulación dos inmigrantes e en contra da súa estigmatización, ou da súa actitude con respecto ó seu traballo artístico, non acudindo a recoller premios (e gañalos) e atacar en público á súa propia multinacional, Vivendi.
Esta é á súa música. Véxase en clave de retranca, sobre todo o da cutrescarallante coreografía e o dos nenos.



Le vent nous portera.



Aux sombres héros de l'amer.



Aquí atrévense co máis grande entre os grandes, Jacques Brel, sen caer no ridículo. Todo o contrario.



"Un jour en France" foi un éxito, sobre todo pola tristura e carraxe perante a ascensión da Fronte Nacional de LePen e a extrema dereita. (Texto)




Xa vos cae ben? Se a resposta é si, as miñas desculpas.

En verán do 2003 Cantat matou á súa moza dunha malleira.

O caso foi un absoluto escándalo, porque ademáis a súa compañeira e vítima era Marie Trintignant, coñecida actriz e filla do Jean-Louis Trintignant, un deus do cine francés. O suceso, non moi claro e con drogas e ciúmes polo medio, aconteceu nun hotel en Vilnius (Lituania). Cantat foi condeado a oito anos por homicidio involuntario, mais xa está ceibo por bo comportamento. O suceso (e todo o circo mediático arredor do xuízo e condea) foi todo un shock para os admiradores de Noir Désir e Cantat, sempre moi celoso da súa vida privada, tanto que o público nin sabía da súa relación coa Trintignant.
Pódese admirar a arte de alguén, a súa obra, malia cometer o artista actos así de deleznables? A resposta debería de ser si, mais arte e música tamén son subxectividade, emoción, e é moi difícil substraerse de novas así. Neste caso coñecín a obra antes cós feitos, dos que me chegaron ecos no seu momento, mais non chegara a relacionar ó autor coa banda. En España só chegaron comentarios de que un roqueiro mallara ata a morte á filla de Jean-Louis Trintignant.
Sodes libres de aborrecelo, eu mesmo non sei se facelo. Mais a música está aí.

6 orballando, e ti?:

Micas disse...

A sua musica de intervenção é realmente mt forte. Ele como pessoa não sei o que pensar...Há imensos artistas que sofrem de dualidade, embora esta doença seja comum no meio artistico não deve nem pode ser desculpa para certos actos...

p.s. não há uma maneira de colocar estes uploads da "goear" em auto-play??

Unha aperta com chuva, sol e neve:(

Mr Tichborne disse...

Non sei ó que é Auto-play. É outra páxina de subida de sons? Ou é un programa? Interésame a resposta...

Coido que ninguén desculpa tan brutal acto, por moito que gostemos da música.

Unha aperta tamén con frío, vento, chuvia e neve (o inverno xa vai cheirando)

Micas disse...

Non é nenhum programa ou pagina, é o sistema de arranque que pode ser manual ou automático, e porque acho esta pagina da "Goear" mt completa, queria saber se seria possivel colocar uma ´determinada música em "auto-play" para um post que estou a pensar fazer. As paginas de musica que normalmente utilizo (Deezer.com e Imeem.com) estão a ficar com as musicas reduzidas a 30 segundos!!

Parece que a Primavera sempre chega a estas terras na proxima semana ;D))

Mr Tichborne disse...

Si, podes subir a música que queiras e logo posteala como embed, é moi sinxelo.
A ver se é verdade o da primavera!
Saúdos!

ekis1331 disse...

A reflexión é interesante, os exemplos sonoros están ben. Eu coñecía este grupo só de oídas e non soan mal, abofé.
Son dos que pensa que a biografía dun artista é importante en relación á súa obra en tanto en canto nos poida dar claves "matéricas", como tamen pode ser decisivo o contexto social no que discorre a súa vida, pero creo que a maior ou menor disociación afectiva con respecto á súa obra non ten porque depender daquelas, a obra é en último termo independente dende o momento en que "necesita" dun terceiro (o público) para "completarse"...

Zeltia disse...

pois eu non son quén de separar a obra do autor.
podo admirar a unha persoa por a súa obra
e tamén podo rexeitar unha obra se o autor me da noxo