02 Março 2009

O pobo falou

(Imaxe mangada, da Apocalipse do Porco grazas!)

Dous apuntes... e non quero profundar agora no tema.
O de onte: o artigo de Suso de Toro é bo, pero o seu título (e a idea que desenvolve) non só e bo: é atinadísimo. Disque é unha vitoria inmerecida do PP, non o sei, visto a altura intelectual e política de moitos dos seus representantes, probablemente. Mais é unha derrota merecidísima dos membros do bipartito, que a pifiaron en todo, na campaña e nas súas políticas cobardes e taciturnas dos últimos catro anos. U-lo cambio prometido? O PSOE entoa o mea culpa, e Touriño xa dimitiu. Falta a asunción de responsabilidades e a reflexión interna do BNG, perdido entre o panfletismo propio do nacionalismo dos 70, anticuado e que non dá xa azos á sociedade galega actual, e a acomodación da súa estratexia, axustada máis a funcionarios da Xunta e da Universidade que ó movemento obreiro e sindical deste país. Cómpre un cambio.
Por outra banda, non quixen meter baza nunha das polémicas que salferiu a campaña, porque me afectaba directamente e quería ter unha opinión formada, e ainda ando nesas: o voto emigrante. Afirmouse moi alegremente que se lle debería negar o dereito a voto a moitos cidadáns galegos por vivir no estranxeiro. A min. Entendo que non é xusto que haxa concellos na Costa da Morte, por exemplo, que teñan a metade do seu padrón de votantes en Arxentina, desconectados da realidade desa vila. Engádanselle chanchullos, irregularidades, mortos que votan, mercadeo de votos nos centros galegos por favores e subvencións. Engádanselle fillos e netos de emigrantes nacidos no estranxeiro que nunca pisaron Galiza. Mais engádaselle tamén que hai políticas desde Compostela e Madrid que si lles afectan, ¿non é de dereito que teñan un voto para que non decidan por eles? Con isto só quero facer constar do complicado do asunto, que o último goberno non foi quen (non quixo) comezar a solucionar.
Paréceme lóxico que non poida votar nas Eleccións Municipais. Estou empadroado en Regensburg, xa non na Coruña, e voto nesta cidade bávara, xa non na cidade onde me criei, porque o concello que de verdade me afecta é no que vivo. O que non entendo é que un emigrante coruñés na Arxentina si que teña un dereito que eu non teño.
Outra é o medo ó "voto de dereitas" dos emigrantes. A historia decente amosa que é absurdo, nas penúltimas eleccións non tiveron un grande peso no resultado porque a súa tendencia de voto non foi moi diferente á dos residentes. Das últimas non teño datos, así que non opino.
Tanto ten. Antes de decidir se quería votar a incompetencia do CERA e do Consulado impedíronmo, ó non mandarme a documentación necesaria. O pobo galego falou. Falou, pero eu non o entendo.
Noraboa ós premiados.

3 orballando, e ti?:

Kaplan disse...

aínda menos razoable parece que non só os galegos emigrados teñan dereito a voto, tamén os seus fillos e até os netos, cando moitos nin siquera pisaron a terra en que votan e sobre a que deciden. en fin...

ekis1331 disse...

Non sei... para castigar unha opción política á que tantos anos lle custou posicionarse con determinación, e cuxo papel no goberno era tan feble, penso que deberían terse dado factores máis graves, sobre todo tendo en conta que por trás había dúas decadas de dereita devastadora. Realmente ese castigo é proporcional ás consecuencias que acarrea? Non había outras formas de presión menos lesivas?
Non sei... por certo, eu tampouco poden votar xa.

Mr Tichborne disse...

Ekis, eu tampouco entendo o castigo (ainda que algo merecían) porque saíu a peor das opcións posibles. Cousas desta terra... espero que non duren outros 14 anos.

Kaplan: Antes que o dos fillos e netos (non che quito a razón) habería que pensar por qué eu non podo votar e os mortos de Arxentina si. Falta limpeza no proceso. Logo podemos reformar a lei, mais ós tres do parlamento parece que non lles interesa.