A Mariza o céspede do xardín gustáballe así, longo, gustáballe sentir as súas cóxegas nos nocellos cando saltaba á corda. Tamén brincaba coa corda dentro da casa, antes a mamá non lle deixaba, agora si.
A calor comezou petarlle na cabeciña e decidiu entrar á vivenda. Subiu as escaleiras, saltou cunha perna polo corredor imaxinándose unha mariola imaxinaria pintada no chan de parqué. Nas paredes, a ámbolos lados do corredor, fotos dela, con papá e mamá, soa, de bebé, de nena medrada.
Entrou no dormitorio dos pais, tiña a porta aberta. Mamá remexía nas gavetas, había unha maleta mediana escarranchada sobre a cama. A muller, a que chamaremos Inês, non reparou na presencia da nena ou non quixo prestarlle atención, pensaba únicamente, só un par de mudas e un libro. Despóis virían os apartillamentos, as pelexas, os avogados, as xenreiras, non quixo matinar en todo iso, só pensaba no sol e no aire de fóra, en saír, en marchar. Manoel agardaba, Manoel era un motivo para marchar, xa veríamos se era só iso ou algo máis.
A nena observaba os movementos rápidos mais confusos da nai mentres xogaba cunha bonequiña, non máis grande cás súas manciñas. Mamainha, a ela púxenlle o teu nome. Era mentira, se cadra por iso a mamá non contestou. Marizinha quixo apertar polas costas á súa nai, darlle unha aperta sen agarimo, unha aperta que lle fixese quedar na casa, pechar a maleta, sentar na cociña a pelar patacas no seu tallo da cociña. Amaba observala en silencio mentres ella pelaba patacas no seu tallo, serea, cantaruxando cancións de salsa que ían soando na radio, na radio vella e xorda de graxa da cociña. Logo viría a festa do lume, as tixolas e o aceite a ferver e o cheiro a fretido, os filetes crocando e queixándose na grella, encolléndose e virando máis e máis marróns e dourados.
A nena non lle deu a aperta, mais a nai sentiu a súa presencia sen mirala. Disque as nais poden facer esas cousas. Non ousou mirar para a súa pequena, ela tamén debía quedar atrás, na casa.
A muller pechou a maleta. Pareceulle máis liviá do que agardaba, pensou que podería empacar un par de prendas máis se había sitio, mais non o fixo. Saíu pola porta coa maleta na man e baixou as escaleiras, ignorando os ollares das fotos das paredes. Mariza baixou detrás dela, saltando de novo a súa mariola imaxinaria, imaxinouse en como sería ter unha mariola pintada alí, no chan da casa para xogar dentro en inverno, para cando chovese, mais mamá nunca lle deixaría pintar unha mariola no parqué, antes nin sequera lle deixaba zoquear pola casa co calzado da rúa. Claro que agora se cadra si, se cadra tamén lle permitían iso se lles preguntaba. De todos xeitos, mamá marchaba. Baixou as escaleiras.
Abaixo, no salón perfectamente ordeado e limpo, había unha néboa de fume e un cheiro a tabaco ansioso. Novas fotos de Marinha vixiaban dende as paredes, ademáis dun enorme óleo enriba da falsa cheminea, tan grande como de mal gusto e tan tosco e tópico como falsa era a cheminea (unha boneca sobre o colo do vestido azul celeste da nena, boneca e vestido que só existiron na imaxinación do aburrido retratista). António fumaba e fumaba. Papá estaba triste, mais seguía estando guapo. António ergueuse cando a súa muller baixou o último chanzo, e ainda quedaron un anaco de pé en silencio, fitándose en silencio. Marchas, dixo o home por dicir algo, e a visión da maleta da muller respostoulle. Xa vexo.
Mariza enredaba coa minúscula bonequiña entre os dedos, e quixo chorar, quixo amarrar á nai polos pulsos e impedirlle marchar, e non había amor nese devezo, case era instinto de superviviencia, que ía contar na escola, marchou, un día mamá marchou e só quedou o fume triste de papá.
António ainda reuniu valor para preguntarlle, mais perdeu o valor para facelo mirándolle ós ollos, E logo marchas con el, estaba claro que non era unha pregunta. E que máis dá con el ou con outro, sorprendeuno ella, marcho e xa. E ti deberías facer o mesmo.
As trabes do teito faláronlle coma sempre, a casa faloulle coma sempre coas súas paredes e portas e coas fotos de Mariza por tódalas partes, pequenas e grandes, a nena reducida a imaxes mate e brillo cubertas de poeira. Os tres sorrintes na praia, ela tiña tres anos e estaba tan repoludiña co seu vestidiño amarelo pastel. António odiouno todo co pouco que tiña dentro, que pouco era xa, nin entranas nin alma nin sangue nin ósos nin nada, só un vento calmoso e fedento. Odiou a Inês, a Mariza, ó tal Manoel do que non sabía o nome, o tabaco, o estúpido cadro ó óleo, o fume, a cheminea, e a casa e o parqué e o céspede e a maleta de Inês e á súa pel de António e a súa cara de António e os seus pés de Antônio que o mantiñan e a carne de António, á que lle deron ganas de trabar ata facerse sangue. Sentou de novo no sofá, derrotado, Inês quixo dicir algo, mais apertou os beizos duros e camiñou cara a porta.
E Mariza estaba moi triste, porque mamá marchaba e facía rodar a maleta polo parqué, ella que era tan coidadosa co parqué. Mamá marchaba e papá quedaba triste. De detrás da boneca a nena sacou algo, e pousouno diante do pai, seguro de que o vería, a carón do cinceiro. Alí o viu António, asiuno e viu reflectidos no gume do coitelo os seus ollos asustados e o seu odio, o seu odio cara as brandas costas da súa muller, o odio entre as tempas. Mais ela xa acadara o abridor da porta e sen sequera virar a mirada, dixo algo, case o rosmou, Nós, nó-los dous, ainda estamos vivos.
Mentira, mentira, non estamos vivos, ergueuse coa arma na man, fría, e virouse cara o rastro de perfume deixado pola súa muller. A nena apertou os puños, tensos. Mais o home non se moveu. A porta pechouse cortésmente, anunciando que quedara só.
Ainda estivo mirando nos ollos ocos de Mariza un anaco, xogando co mango do coitelo.






2 orballando, e ti?:
Unha historia estremecedora. Hai tensión ata o final, un final con certo misterio.
Xenial.
Gracias! Alédome que lle gustase.
Postar um comentário