
Hoxendía calquera pode observar que desde os Estados Unidos, que son quen corta o bacallau no audiovisual, cada vez aparecen series de televisión de máis calidade, con mellores guións e máis arriscados, series que se converten axiña en "de culto". E pola contra as películas para cinema son peores e máis badocas, mais ese é se cadra outro debate.
Neste Estado pola Graza de Deus seguen a emitirse reedicións de Farmacia de Guardia, Os Serrano ou Al Salir de Clase, con outros títulos. Produtos que cheiran a vello antes de estrearse. Vendo a política das nosas canles de TV non me estraña, fan series como fan o resto. Non inclúo a TVG, que nos últimos anos acadou produtos audiovisuais do máis meritorio cos seus recursos.
Polo tanto a xente que ten algo que dicir, neste eido e noutros, quédalle a Internet para amosar o seu traballo. Como os rapaces de Malviviendo, dos que souben grazas á Píntega hai tempo e dos que veño de paparme os cinco episodios que levan emitidos (o da Colleita é grandioso).
O equipo consta duns rapaces que se autoguionizan, autodirixen, actúan e autoproducen. O orzamento do episodio piloto ascendeu a 40 Eypos, tivo éxito e para o segundo xa contaron con máis de 100 grazas ás doazóns. As historias sobre o Negro, o Zurdo e o Kaki (respectivemente un porreiro, un camelo e un ultraviolento inválido) e demáis seres marxinais dun degradado barrio de Sevilla enganchan. As historias están moi traballadas, hai moito humor, retranca, surrealismo e homenaxes a outras series. Eles son afeizoados, mais o seu traballo non.
Precisamente por iso, pola súa frescura e naturalidade para tratar temas coma o das drogas e a súa actitude gamberra, lévano crú para que unha cadea de televisión convencional adopte a serie. Cando menos podemos desfrutar dos cinco capítulos que levan producidos na súa propia web. Probade a ver se vos gusta.






0 orballando, e ti?:
Postar um comentário