22 Abril 2009

O Affaire do Sapo


Volvo das minivacacións e atópome coas agres polémicas de Ratisbona. Agres coma sapos.
O conto é que unha condutora de buses urbáns atopouse no seu traxecto un sapiño. Como en palabras dela "non ía pasarlle por riba" co vehículo, baixouse e cun cartón sacouno da estrada, poñéndoo a salvo. Logo continuou a súa viaxe. Bonita fábula.
O caso é que o bus ía con moito retraso e, segundo o Mittelbayrische Zeitung, que vén sendo coma o "Ideal Gallego" de Regensburg, informa que un ou varios dos pasaxeiros tomaron isto coma unha provocación. Isto é un pecado gordo en Alemaña, non coma na Coruña, onde ninguén sabe os horarios dos buses da ínclita Compañía de Tranvías (alcumada en bo día por Romeiruga como "A Morte Vermella") e poden retrasarse horas que a todo o mundo lla suda, agás ós que agardan. Non, aquí non. Os pasaxeiros queixáronse e a empresa, a RVV, despediu á condutora, todo segundo o xornal.
Naturalmente, e máis nun país tan concienciado ecolóxicamente, a RVV recibiu milleiros de cartas de protesta e de solidaridade coa salvasapos (vaites, esta palabra soa menos estúpida en alemán) e a nova traspasou o anecdotario da provincia de Oberpfalz para saír en xornais de todo o mundo. A condutora, unha francesa chegada hai dúas décadas por amor a Ratisbona e que lle chama docemente grenouille ó animaliño, colleu unha baixa por crise nervosa.
O caso é que a empresa dos buses conta unha versión moi diferente. Relata que recibiu unha morea de queixas dos pasaxeiros dese bus porque a choferesa, malia o retraso, andounos a provocar con reglas de comportamento inventadas por ela e atacounos verbalmente (sic), e o do batracio só veu colmar o vaso. Con todo, negan que despedisen a traballadora e alegan que só foi advertida por mor deste comportamento, non polo do sapiño. E que a RVV sempre tivo un grande compromiso co coidado da natureza e bla bla bla...
Quen di a verdade? Todos coñecemos buseiros bordes e incompetentes, xornalistas ós que a verdade non lles estraga unha boa historia, pasaxeiros tocapelotas por dous minutos de retardo e empresas abusonas. Cando menos unha das catro cousas podemos atopar aquí. Eu só sei que anda por aí un sapo despistado a choutar feliz, ignorante da lea que se montou ó seu redor.