14 Maio 2009

Ecos de himnos con música de vento

Imaxe tirada de aquí

Non podo deixar de comentar a "polémica" do día. Como sabedes, onte xogaron a Final da Copa da Súa Maxestade El-Rei (nome completo) en Valencia o FC Barcelona e o Athletic de Bilbao. Parece ser que puxeron o himno español e que a meirande parte de ámbalas aficións o asubiaron e apouparon. TVE tapou o feito e non o retransmitiu en directo, senón en diferido en versión "capada": dérono no descanso mais co son ambiente baixado, de xeito que os asubíos non se oíron.

Parece que tódalas partes están de acordo en que o de TVE foi censura e manipulación, alén dunha trapallada. Daquela non vamos insistir no tema. Seica xa botaron o responsable.

O caso é que a todos os siareiros dos dous clubes os tildaron de antiespañois e antidemócratas, amén de hipócritas, porque se non lles gusta unha competición co nome do Rei, que non a xoguen, disque. Non sodes españois, non xoguedes. Tamén poden respostar, se temos que ser españois, xogámola. E gañámola: son os dous clubes que ergueron máis copas. Aquí somos ou non somos españois para o que convén. E é certo que o Athletic e o Barça están vencellados a historia do sentimento nacional vasco e catalán, iso está aí, ainda que iso non significa que ser seareiro deles sexa ser nacionalista. Poucas cousas hai que unan nesas dúas terras a xentes de diversa condición e filias políticas como estes seus dous clubes de fútbol. Volvamos o himno.

Os himnos, as bandeiras, son símbolos: cousas que non son nada (melodías e trapos) mais que teñen un significado para moita xente, bo ou malo. Non digo que estea de acordo neste xesto, mais é un xesto que non debeu ser silenciado pola TVE. É unha falta de respeto á xente á que si lle importa ese símbolo. A pregunta é: por que soa o himno español nunha competición deportiva nacional? Por que non os dous fermosos himnos de ámbolos clubes, ou, directamente, nada? Onde pasa isto, fóra dos EEUU? A intencionalidade é clara.

Mais non deixa de ter graza que eses tertuliáns de sempre se tiren dos guedellos cos asubíos de onte mais calen coma petos cando, por exemplo, nas últimas visitas das seleccións de Francia e Turquía os seareiros da "Roja" apouparon os himnos destes países, ou ainda máis grave, que minimicen a polémica dos berros racistas cada vez que un xogador de cor da selección inglesa tocaba un balón no Bernabéu. Iso non é unha burla contra os símbolos nacionais, iso é humor español, cohones.

Insisto, non me pareceu un xesto apropiado, cadaquén coñecerá os motivos dos seus asubíos, mais a censura por un lado e a sobrerreacción dos de sempre polo outro póñenme enfermo. Sen ir máis lonxe, a web do Marca publicou este artigo sospeitosamente mesmo antes de que finalizase o partido. Mais se cadra, aventuro eu, moitos dos que asubiaron non o fixeron "contra España", senón "contra esta España", a España deste himno (unha marcha militar), este rei (calquera rei), esta bandeira (herdada do tío Paco) e ese índice sinalador que di como e cando es español ou non sen preguntarche, en suma, contra esta España na que senten que non caben. E a sentir non poden obrigar. Mais diso non importa falar. Mais diso importa non falar.

P.D.: Menos mal que o espectáculo futbolístico que lle seguiu fixo superalo todo, mellor falemos de fútbol e de cousas serias. Sempre antipaticei coa ditadura futbolística do Real e do Barça, mais teño que admitir que o paso coma un anano vendo o fútbol dos de Pep, dunha beleza que vin poucas veces na miña vida, por non dicir ningunha. Mágoa polo Athletic. En fin, que as finais de Copa me traen lembranzas moi entrañables e hilarantes...

P.D. 2: Asubiarían o himno porque o tocaron sen letra?


6 orballando, e ti?:

O Traveseiro disse...

Pois atención á portada do Marca, unha aldraxe ao Rei por parte de Puyol. Logo no interior comentan que Piqué tentou subir a pola medalla cunha bandeira estelada e demais parvadas. Metendo cizaña, vamos:

http://www.marca.com/multimedia/primeras/09/05/0514.html

Non se lembran das finais da Copa do Xeneralísimo que se disputaban en Barcelona, cando as entradas se vendían a seareiros afíns ao rexime para evitar cousas coma as de onte.

E non podo estar máis dacordo contigo no de que os seareiros asubiaron "contra esta España". Dou fe, porque eu por exemplo non me considero español pero non asubiaría o "Himno de Riego" nas finais de copa ás que asistín nin posibelmente a un presidente da República Española elexido democraticamente, e non "a dedo" por un ditador.

Bandini disse...

dices " Mais se cadra, aventuro eu, moitos dos que asubiaron non o fixeron "contra España", senón "contra esta España", a España deste himno (unha marcha militar), este rei (calquera rei), esta bandeira (herdada do tío Paco) e ese índice sinalador que di como e cando es español ou non sen preguntarche, en suma, contra esta España na que senten que non caben. E a sentir non poden obrigar. Mais diso non importa falar. Mais diso importa non falar."- yo no creo francamente que haya detrás un razonamiento tan elaborado, simplemente se trata de forofismo en mi humilde opinión.
yo creo que fue un espectáculo de mala educación y no le doy más impotancia. para mi las banderas y los himnos nacionales son humo. no me gustan las naciones me parecen conceptos negativos en sí mismos como las religiones. no obstante es importante respetar aquello en lo que los demás sí creen y yo lo hago. sin olvidar que soy republicano, ateo y no nacionalista, pero que antes de que nada soy un demócrata bien educado. no renuncio a convencer pero sí a imponer.

por otro lado la mezcla de fúlbol y política es una de las pocas mezclas que no me gustan nada, huele a sacristía que tira pa´trás.

por cierto el partido fue cojonudoi y ganó el mejor.

¡ah y la censura absolutamente impresentable!.

salud

Mr Tichborne disse...

Xa dixen "moitos dos que asubiaron" como podería dicir "algúns". Outros moitos, non o dubido, o fixeron por borreguismo, forofismo ou facer a graza.
Para min o meu himno, en primeira instancia, é o galego. Entendería que haxa xente que non o comparta, pero non entendería que o asubiasen, como ti dis é unha falta de respeto, e o de antonte tamén o foi, porque tamén significa moito para moita xente, e a meirande parte non son fascistas. Coido que se entende que non xustifico esta acción, só tento explicala.
E foi un partidazo, Bandini, se es hincha do Barcelona noraboa, porque eu non o son e desfruto véndoos xogar. Sorte co Manchester.
Traveseiro, o do panfleto de humor deportivo que mencionas xa é de traca, só lles faltaba fomentar o antibarcelonismo dese xeito. Menos mal que agora van estar ocupados co de Florentino.

setesoles disse...

Non podo estar máis dacordo contigo. Probablemente deberiamos respetar cada un deses himnos, pero non hai que esquecer que da outra banda (aquí hai dúas bandas) non é que se respeten nin os himnos, nin as linguas, e con eses precedentes as reaccións que se poidas producir son máis ca comprensibeis.
Polo de agora, a nacionalidade representada por ese himno leva por onde vai máis de catro sinais que fan dubidar moi moito da súa calidade democrática e o nacionalismo que máis virulentamente se expresa na península é xustamente o español. O feito de que eles neguen mesmo a súa existencia deixa as cousas ben clariñas.
Mágoa que non puideran gañar os dous !!

Unha aperta.

A. Doinel disse...

No soy fubolero y las banderas e himnos me dan alergia y los nacionalismos... no sé lo que son. Pero sólo quería apuntar una curiosidad: El origen de la bandera española -su colorido, escudo y distribución- está en la enseña que debían exhibir los buques de guerra y mercantes de la España de Carlos III, allá por el 1785.
Ay, qué lástima de tricolor.

Mr Tichborne disse...

Elexiron esas cores porque eran máis visibles nos buques a longa distancia. Curiosamente, a bandeira galega tamén ten unha orixe naval.