Os xermanos tamén celebran ó seu xeito os Maios, ou sexa, a chegada da primavera e a fin do duro inverno. En Baviera e no sur de Alemaña e tamén nas rexións limítrofes de Austria en cada vila erixen unha Árbore de Maio (Maibam en bávaro, Maibaum en alemán estándar). Pode ser unha árbore guindada cada ano ou poden gardarse dun ano para outro, normalmente teñen a forma que vedes na foto, sen pólas nin follas, e canto máis alto e recto mellor. A forma cambia segundo as zonas. É sempre un traballo común de todos os da vila.As tradicións cambian tamén segundo as rexións, mais todas coinciden en facer festa o 1º de Maio, poñerse o Trachten (os pantalóns curtos de coiro ou Lederhosen con todo adobío) e as mozas e mulleres o Dirndl e bailar e cantar baixo da árbore, e como suporedes, beber moita moita moita cervexa. En Passau, por exemplo, xogan a agabear polo Maibam ata acadar a coroa, e fano a unha velocidade e axilidade de vértigo.
Pero a tradición máis senlleira, ou polo menos a que máis chiste me fai, é a de roubarlle a árbore ós da vila do lado. Imaxinade as caras de todos cando amence o 1 de Maio e a árbore non está. É unha cousa seria, fan quendas de vixilancia á vez que argallan tretas enxeñosas para distraer ós sentinelas da aldea veciña e acadar o trofeo.
As imaxes son dos arredores do lago Attersee, na Alta Austria, onde pasei esas datas.







2 orballando, e ti?:
O tema é que tamén as hai con anuncios. E todas as empresas da vila queren figurar na arbore de abril :)
O de que as defenden xa mo dixeran pero non crera muito niso. Eu véxoo un pouco bestia de mais que anden á greña por iso.
Non sabía o dos anuncios, será que só me fixei nos Maubäumer de aldeas pequenas, hei de pescudar. E home, o dos roubos é en plan arteiro, non entran coma normandos para mangalo pola forza, iso non vai cos xermanos. Ainda que sería divertido.
Saúdos
Postar um comentário