(Imaxe tomada polo meu pai na Marienplatz de Munich. Vese ó fondo o Concello Vello)
Teño os meus pais de visita. Visitamos sitios que lles sorprenden. Eu xa os coñezo, pero dáme igual, o sitio a visitar son eles mesmos, tanto tempo sen compartirmos xuntos. Embarcamos no tren cara Munich e somos invadidos polo balbordo do último partido de liga. O Bayern de Munich podía saír campeón se lle saían ben as cousas. Se lle saían reviradas, podían quedar fóra da Champions. Os meus pais preguntan por cada monumento. Vai sol, onte treboadas. Turistas e máis turistas, e nós sen complexos, entre eles. Arrodéanos seareiros cantando. Polizei por tódalas partes, as súas vestimentas e armas de ir á guerra urbana contrastan coa paz da súa actitude e do ambiente. Do Bayern e do seu rival hoxe, o Stuttgart, aparentemente en boa harmonía. Nós ó noso, polo Altes e o Neues Rathaus, a Asamkirche, barroco, gótico, cervexa Paulaner... Mallamos ós pés, mercamos uns bocatas de Leberkäse para o tren, cansos e satisfeitos. Na porta da estación tres seareiros do Stuttgart increpan ós bávaros, ante a indiferencia destes. As sandalias rózanme. Hora e media de viaxe en tren. Volvemos con máis hinchas do Bayern en dirección a Ratisbona. Mentres eu planexo novas rotas bávaras e miro ó ceo preguntándome polo tempo, o climático e o outro, os hinchas do FCB van cantando con voces cada vez máis anubadas e atonais por mor do lúpulo. Mamá conta algo da súa pensión de Inglaterra, eu oio a súa voz, non colixo as palabras. O Bayern gañou e irá á Liga de Campeóns, mais o novo campeón de Alemaña é o equipo da Volkswagen, o Wolfsburgo. Tomamos algo na casa e falamos de Baviera, de política, de Munich, de fútbol. Festa verde dos campeóns na televisión, mentres o Dépor perde no último minuto en Sevilla.
Caghená.
3 orballando, e ti?:
Munich semella un sitio fermoso para visitar. Un día sen fútbol, a poder ser :p
Cadrou así, pero non deixa de ser unha visita agradábel
Parabéns pola visita. Canto entendo os teus sentimentos: "o sitio a visitar son eles mesmos". Que fermoso é poder compartir coa familia os lugares que agora son nosos, os que cambiamos pola nosa Galiza, os que fan que nos sintamos de dúas terras á vez, sen problemas, sen conflictos, orgullosos das dúas, da que nos acolle e da que deixamos atrás... E cando vén a familia trae consigo unha parte da terra (e non me refiro aos grelos)e un enteiro de amor... ¿Sabes a min o único que me dá un chisco de pena? Que a miña filla non teña máis familia no seu día a día que os seus pais, iso si que me toca o corazón, pero ela, a verdade, é moi feliz, porque nunca tivo outra cousa, así que é máis un sentimento meu interior, nada máis. As visitas, as deles e as nosas, fan que todo se normalice...
Postar um comentário