29 Junho 2009

Calvo?


Coido que todos nós estaríamos menos extrañados se Jackiño collese o seu platiño voador e nos deixase para volver ó seu fogar natal, perto de Alfa Centauri segundo se vai para a Andrómeda. Pero non. Palmou. Morreu coma calquera veciño, ou case.
Gustos musicais aparte, Jackson será estudado durante séculos nas facultades de Psicoloxía e Psiquiatría. Michael era raro, moi raro. Pero quen non sería raro levando a existencia deste home dende tan cativo. Ós seis anos xa estaba enriba dos escenarios cos seus irmáns, os Jackson Five. O que estaba ó pé do escenario era o pai deles, un déspota que tiranizaba á súa prole a golpes se fallaban unha nota. Por iso, disque, o Michael se desfigurou tanto, empezando polo nariz, non para non parecer negro, senón para non parecerse ó vello. Cousa case imposible, o vello estaba detrás de cada rasgo, engurra, aceno. Mais acadouno. Á final non se parecía nin ó pai nin á nai que o pariu nin a calquera criatura que pisase antes este planeta. Se cadra en Alfa Centauri...
Así viviu. Na súa burbulla. Porque el quixo.
Todo para acabar co estómago cheo de píluras, fraco e esnaquizado. Cincuenta anos. Case tantos coma quilos.
Mais hai algo de todo este ruxeruxe que de verdade me impactou, se é que é verdade, porque andan a voltas coa autopsia...
Michael Jackson estaba calvo.
Ou sexa, que non se alisaba o pelo para parecer menos afroamericán. Era unha perruca. Elexida por el, o que tamén ten delito. Odiábase. Se fose galego, sería de aqueles. Eu creo que algo galego si que era.
Pero non. Non, tíos. Cómo ía estar calvo? Agora tamén diredes que morreu dun infarto...
Eu coido que non estaba calvo e o da morte e o da autopsia é tan falso coma o de Roswell. Jacko está camiño de Alfa Centauri ó ritmo do achuwoki no casete .
De homenaxe, deixo esta foto de cando tiña pel oscura, pelo (rizado) e o rostro sen retocar, tocha incluída. Un neno, que é o que era porque é o que non lle deixaron ser.
Boa viaxe, Jacko. Saúdame a Elvis.


4 orballando, e ti?:

Raposo disse...

De M.J. xa non me sorprende nadiña. Talento para a música tiña, eso é obvio. Pero o seu reverso tenebroso xa hai moitos anos que dominaba claramente ó seu anverso musical.
Tiña que rematar así, era inevitable.

Ricardo Arias disse...

Un negro que non quere parecer tal... é galego, por suposto.
Se na súa Indiana natal houbese cantería e pizarra, xa lle tería metido un bó pendello de hormigón con uralita.
(¿Hai "Indiana Bilingüe?)

Mr Tichborne disse...

Haberá que buscar eses pendellos en Neverland.
O que me abraia é que rematara así, Raposo: demasiado convencional.

Mr Tichborne disse...

Proba