06 Junho 2009

Consulados, cónsules, consuladores

(Imaxe tomada na exposición de Kader Attia en Tours)

Sigo sen saber para que valen os consulados. Chegan a tal punto de burocracia inútil e incompetencia que che contaxian a súa deixadez.
Por exemplo, mudeime hai oito meses. No meu anterior piso vivín ano e medio, e como tal comuniqueillo con tempo ó meu consulado, o de Munich. Mandáronme unha carta bizarra na que preguntaban se eu vivía aínda en Passau (un ano atrás) e que se tiña un novo enderezo que llo comunicase (como xa fixera). Pero o mellor de todo é que a carta chegou á miña caixa de correos, a da miña casa, a correcta. É como se alguén te chama e che recrimina que non ten o teu número de teléfono. Ocórreseme que deben ter dúas listas de enderezos: a de mandar cousas postais e a do censo, sen ningunha conexión entre elas. Boeno.
Chamo. Dou de novo o meu enderezo. Chaman, desta volta meses despois. Cercióranse do meu enderezo. Dígolles que ando a buscar nova vivenda, así que qué teño que facer cando me mude e teña (outra vez) un novo enderezo. Nada, neno, agora que estás ben no censo, un e-mail abonda. Boenologho. Tras mudarme, mándolle un bonito emilio. Pasan os meses.
Pasaron dúas eleccións e non recibo un puto papel para votar. Chamo cabreado, co gallo das eleccións de mañá, qué pasa coa documentación. Si que temos os seus datos, Sr. Tichborne, e acto seguido recítame o enderezo antigo, anticuado e antiguallado. Non, ostia, ese é o vello. "PERO VOSTEDE TEN A OBRIGA DE NOTIFICARNOS O SEU NOVO ENDEREZO". Xa o fixen, garrida moza, mandeivos un correo electrónico hai tempo. "AI, SEGURO QUE O MANDOU Ó NOSO ANTIGO ENDEREZO ELECTRÓNICO". Mande? Cambiaron de enderezo electrónico e non mo notifican? Eu teño que atestar ata cando cambio de peiteado e vostedes non notifican cando cambian de datos? Para que ostias queren os nosos datos? Mais o máis bizarro non queda aí.
"DAQUELA TEN QUE VOSTEDE QUE CONTACTAR CO SEU ANTIGO ENDEREZO PARA RECOLLER A DOCUMENTACIÓN, POSTO QUE LLA ENVIAREMOS AÍ". "Enviarana? Futuro de indicativo? Quere dicir iso que ainda non a mandaron? Daquela poden mandarma a casa, con escribir o enderezo correcto sobre o sobre, valla a redundancia, abonda, non teñen Tippex?. A funcionaria traga cuspe, cagouna co tempo verbal, a ver qué inventa, "AI NON, ESTÁ TODO PECHADO E SELADO, É DE TODO IMPOSIBLE". Poño o teléfono nun armario insonorizado, acoitelo un osiño de peluxe co coitelo de trinchar pavos durante medio minuto, acougo un pouco e volvo coller o teléfono, un fío de voz sáeme do peito e besbesella se, por favor, polo menos con vista ás Eleccións Autonómicas do 2016 a vosa mercede pode apuntar agora o meu enderezo actual, "QUE MÁIS QUIXERA, MAIS NON TEÑO ESA BASE DE DATOS A MAN, MELLOR ESCRIBA UN EMILIO Ó NOSO NOVO ENDEREZO ELECTRÓNICO, TEN CON QUE APUNTAR?"
Mentres a funcionaria afuncional recita algo con arrobas eu vou pisoteando no chan os restos do osiño de peluxe, entre saloucos. A nacha colga.
Atopo o novo emilio do consulado na rede e mándolle o meu novo enderezo, mais desta vez pido acuso de recibo, e danmo. Guai. A ver cal pretexto inventan para que eu non vote nas Eleccións Zapaterajóyicas. Mais agora tocan as Europeas, e o tempo corre. Naturalmente, non consigo contactar cos que alugaron o meu antigo piso, se é que ainda viven aí. Os carteiros de Alemaña se non ven o teu nome na caixa de correos, non entregan o envío, vai de volta. Polo menos teño a posibilidade de votar "en Alemaña", isto é, na circunscripción europea na que vivo. Apúntome de milagre no último día de prazo.
Ademáis, hei votar para o Consello de Estranxeiros de Ratisbona, unha cousa do concello na que só votan de adoito o 5% dos 14000 estranxeiros legalmente inscritos na cidade e da que ninguén sabe nada. Só sei que a última presidenta do Consello tivo que demitir e ceder o seu posto porque no entanto acadou a nacionalidade alemana e legalmente non podía xa pertencer a un consello de Estranxeiros (?¿). Hai dúas listas, das que ignoro todo e non atopo nada na internés.
En fin, dúas eleccións ás que parece que a moitos lles interesa que non vote, que non votemos. E votarei, abofé, cando remate de varrer os restos do osiño. E ti, que o tes bastante máis doado, non vas votar, ainda que sexa en branco?
Hale, a reflexionar.

7 orballando, e ti?:

Ra disse...

http://www.elpais.com/articulo/ultima/encefalo/elpepiult/20090605elpepiult_1/Tes


Le dejo esto, un "enderezo" a efectos de entendimiento. Espero que le guste.

Un saludo.

Mr Tichborne disse...

Moi bo artigo, sobre todo a última frase.
Tan só digo que non votei nas dúas últimas eleccións (en parte polo desencanto, en parte polo explicado arriba) e que me arrepinto. Votarei.

Gracias polo aporte.

moucho branco disse...

A burocracia ten unha grande capacidade (universal) para resultar absurda.

Ra disse...

No hay de qué.

Me alegra que le haya gustado, yo me quedo también con la última.

Bicos.

paideleo disse...

Na miña estadía nos EEUU non votei por non andar co lío dos enderezos porque a outra parella que vivía con nós non puido votar por correo nin cando chegaron de volta !.
Odio a burocracia lenta, engorrosa, cara e inútil.

Ricardo Arias disse...

Esa burocracia é, por desgracia, a única alma dunha Europa ben lonxe dos soños dos emprendedores que crearon as primeiras institucións da CEE e da CECA. Ben pouco de democracia e de liberalismo (por favor, enténdase no sentido orixinal do termo, lonxe dos Dick Chenney e familia).
Malia todo, estou contigo: hai que votar, en branco ou por quén lle pete a cada quén.
Apertas.

Micas disse...

Afinal não são só os consulados portugueses...realmente não sei para que servem, eu tive o mesmo problema que tu e depois de 2 anos a pedir os documentos que tinham ficado de me enviar (entre eles a declaração de recensiamento eleitoral) desisti, fiz queixa ao M.N.Estrangeiros e das Comunidades e fiz o recenseamento cá, votei para o parlamento cá, afinal é aqui que vivemos, qt ao resto podem fechar os consulados todos, poupará vários milhões ao Estado e qd precisarmos de algo mais vale ir a Berlim à Embaixada, resolvem e ainda damos uns passeios por lá ;D