Non lembro se saín cunha finalidade clara, un negocio, un recado ou só para dar unha volta, pero cando quixen volver atopei que borraran os camiños.
As rúas da miña veciñanza estaban igual ca sempre, mais non eran as rúas da miña veciñanza. O camiño que querían seguir os meus pés, guiados polo costume, xa non era o camiño a casa, era un labirinto encarreirado por vivendas. Souben ben que ninguén vivía, alentaba, comía, durmía nin fodía neses cubos e prismas de cemento, sabía con certeza que non era máis cun decorado perfecto, veraz pero falso. Sabía tamén que os individuos cos que me cruzaban non eran máis que sombras, indignas mesmo da Caverna de Platón. A friaxe porén era real.
Subín o colo do abrigo e dispúxenme a dar o que sería teóricamente un rodeo se eses fosen os meus camiños para volver a casa, ó fogar, mais como xa se dixo, non o eran. Fun apalpando nas paredes, nas tuberías enferruxadas da chuvia, na miña propia face cando era reflectida por un escaparate. Eu estaba, era. Así coma o frío, a auga das pozas coas que luxei os meus dedos, o proer que sentía na alma, os medos das sombras que pasaban, nada máis. Se cadra non había fogar e por iso xa non había camiños. Era esa sospeitada ausencia de finalidade das corredoiras, vías e encrucilladas que ía zoqueando a paso lixeiro. Non é que non me levasen a casa, é que non me levaban a ningures, se se vise desde unha perspectiva externa, co ollar cenital dunha aguia intelixente e cínica, a miña traxectoria non era nin recta nin curva nin espiral, nin decidida nin errática, era tan só un vibrar de avespa aboiando na lama.
Non me quixen decatar de que aquela presencia me perseguía e de que por veces eu tamén a perseguía cunha intencionalidade non admitida. Tras cada curruncho sentíaa cada vez máis nidia, en ocasións ás miñas costas, outras alá diante, esfumegándose na multitude. Cruzámonos miradas moi fugaces, temendo e desexando ser descubertos, esquivando o esguello do outro e desexando manter con el unha ollada de fite en fite. Sentía o ar gris e porco saír e entrar nos estreitos foles dos meus pulmóns, a poalla mollábame a cara, sentía esas cousas mais non podía asegurar a existencia real das mesmas, nin tampouco podía refutala. Tan só acreditaba no degoiro de volver ver o cabelo desa muller, si, era unha muller, de volver percibir a súa presencia fuxidía para que o seu espíritu termase dalgo firme.
Decidín aceptar a mentira, polo menos en apariencia, e seguir o que se supuña era o meu camiño máis directo a casa. Os pés se arrastraban pesados, proíanme as nádegas, sentía a suor no rego do lombo. Mais ós poucos fun finxindo que esa era realmente a rota que me levaba a casa, que non podía ser doutro xeito e de que o matinado e sentido ata ese intre carecía de importancia. Tiven que apartar da memoria e do pensamento aquel cabelo da memoria e aqueles ollos, custoume algo máis desbotar os finos pulsos daquelas mans, a cor da súa pel.
A unha mazá de casa, ou de onde fose, a dor de cabeza que levaba arrastrando fíxose de súpeto insoportable, a respiración falloume e o pánico prendeume, tiven que apoiarme a abafar contra un muro, os nenos falsos mirábanme estrañados, co guión ben aprendido. Sentín o sangue latexar dentro do meu cranio coma ríos de lava, ata que unha man se pousou amizosamente onde nace o meu pescozo e logo situáronse diante dos meus ollos ese cabelo, uns ollos medoñentos, os pulsos finos e a súa pel e os seus zapatos tan sólidos, tan vertixinosamente reais, e unha nova voz que non era unha gravación nin un eco nin un espectro, una voz marabillosamente imperfecta e presente, que me interrogaba: Ti tamén, e a man afrouxou o seu tacto sobre o meu ombreiro para logo asirse sobre el e aferrollarse á miña resposta, Ti tamén, repetiu, ti tamén te decataches?
(Este relatiño estivo fechado e cativo no meu molesquin, o meu caderno de viaxe, durante meses. Agora decidín darlle liberdade e ar fresco. Primeiro, á miña computadora, logo, á rede. Agardo que vos guste.
A imaxe tomeina nalgures por París).






4 orballando, e ti?:
Todo precioso.
El Moleskine hay que airearlo de vez en vez :)
Deberías postear relatos mais a miúdo, meu!
Tiña que ser en París. Canta máis xente darredor, máis soedades.
Coincido coas opinións de enriba. É un tecido moi ben acabadiño.
Saúdos
Grazas pola vosa lectura e polos vosos comentarios.
Lémbrovos que teño novo blog. Este non recibirá novas anotacións.
www.ningures.blogaliza.org
Unha aperta
Postar um comentário