23 Dezembro 2006

En estas entrañables fiestas la gueina y yo...

Hai un ano dicía que para min o Nadal era ela. E este ano tamén é el, ese pequeno afillado castronciño da foto de abaixo (o Gremlin non, o outro). Évos moi cool iso de falar mal do Nadal, que se é consumismo, etc, pero pola outra banda tamén é unha excusa tan boa coma outra calquera para paparnos unha kilometrada de viaxe e dar unha aperta a eses que queremos e que non vemos tanto como quixeramos. Aproveitádeo.
O dito: vou estar desconectado dúas semanas en Galicia e non creo que postee moito, así que vos desexo un bo Nadal a todos, parézavos ben ou non. Eu remato o 2006 mellor do que o fixen no 2005, así que vos desexo o mesmo a vós no 2007. E Diego tamén. Paz, saúde, euros, amor e rock and roll para todos.

Frohe Weihnacht!


Os alemáns viven moito o Nadal. Pero moito. Adobian as súas árbores de Nadal, fan galletiñas, rezan para ter un Nadal nevado (este ano seica non vai ser así), cantan panxoliñas en casa, poñen máis luces escintilantes na casa ca en todo o centro de Tokio, etcétera, xa case desde Novembro, coma nós pero elevado ó cubo, un Cortinglés feito país. Anna chámanos sacrílegos en broma, porque lle contei que en Galicia, ó non haber abetos, a xente adobía piñeiros. Aquí é impensable mesmo ter árbores de Nadal artificiais, malia seren tan ecolóxicos; claro que o que lles sobran son árbores, vese que non teñen tantos fillos de puta por metro cadrado coma nós cun chisqueiro e un bote de gasolina na man, e as fragas bávaras son unha envexa.
Seguindo o calendario litúrxico, as semanas anteriores ó Nadal son o Advento. Típicos son o Adventskalendar, un calendario de cartón cos días de Decembro marcados en cadradiños, que os nenos van destapando cada día e descubrindo pequenos agasallos ou bombóns. Aí a dereita, uns dos Simpsons vén paveiro. E tamén en Advento nas cidades (ignoro se en Alemania toda ou só en Baviera) montan un mercado de Nadal (Weihnachtmarkt ou Christkindlmarkt), onde venden todo tipo de trangalladas nadaleiras e non nadaleiras: pequenos agasallos, galletas, adobíos para a árbore ou o Belén, figuras, postais e cousas polo xeito, alternándose con postos de comida e bebida. O comercio é a base de salmón, salchichas, lambonadas e chocolate, mesmo os nenos fan un pincho moruno de gominolas e froitas confitadas e as bañan eles mesmos nunha fonte de chocolate; tamén venden un bocata de salchicha asada ben simpático, porque o embutido mide medio metro de longo e sobrepasa ben os límites do pan por ámbolos lados. O bebercio é a base de cervexa (claro), Punch (un ponche quente sen alcohol, que lle serven ós nenos) e outras bebidas raras, salientando o Glühwein (="viño candente") unha mistura de viño moi quente con canela, cravo e outras porcalladas que non quero pensar que presta tomar ó aire libre mentres paseas polos chiringhitos, pensade que aquí estamos arredor dos -2ºC. Os Erasmus arxentinos de eiquí chámano "Vino Gluu", que é un nome ben máis bonito, claro que hai que dicilo con acento da Córdoba austral. O ano pasado fun ó Mercado de Munich e é impresionante, inmenso, enorme, non imaxinaba que o Nadal dese para tanto. Mañá visitarei o de Passau, máis modesto, na praza da Catedral (foto de arriba) a darlle renda solta ó consumismo e mercar algo para a árbore da miña irmá, e quén sabe qué máis. Farei a maleta e o domingo voarei cara Alvedro, vía Terminal 4 (pánico me dá).
Para os antinavideños: este é o especial Nadal de Nichtlustig, a serie do xenial humorista gráfico Joscha Sauer. Chistes sobre a Morte, lemmings (eses roedores suicidas que se guindan por unha barranca), ietis e papá Noel en problemas: humor negro e absurdo que contradice o seu propio título (Nichtlustig = Non ten graza!!). Oxalá estea editado en castelán ou galego!

(- ¿¿Que queredes que??
- Vacacións de Nadal)

(-¿Unha lanterna e un rolo valeiro de papel hixiénico?
- É un kit montable de "luz á final do túnel". Bo Nadal.
- ...gracias?)

20 Dezembro 2006

Beatsteaks - Hand In Hand

Como a miña compi Caro castigoume co disco destes punkrockskarras xermanos toda a santa tarde de onte, qué menos que compartilo convosco. Así celebro que acabo de amoblar a habitación por poucos cartos, gracias o veciño de abaixo, que se muda. SHE'S NEVER GONNA GET WISE!!

19 Dezembro 2006

Unha vista


Tirei esta foto desde a miña fiestra pola mañá, antes de saír zoando para clase de alemán, tarde, coma sempre. Non hai trampa nin cartón, isto é o que vou ver tódalas mañás, se dou desapegado as legañas. A vista é ó abri-lo día, o Danubio cos seus cruceiros para xubilados adiposos, a catedral e toda a zona vella ou Altstadt.
Pois si, mudei de piso! Deixei aqueloutra habitación de Lindental, entre árbores e regatos, pero a dúas lúas e unha costa arriba do centro de Passau, algo amolante cando vés da compra cargado de bolsas. Subalugáralla a un rapaz que estaba de vacacións ata o día 15, así que tiven que poñerme á procura de nova vivenda, xa máis definitiva e menos provisional. A busca foi ardua, pero acadeino. Habitación de 20 metros cadrados, piso aceptable, cociña grande, vista impresionante (mágoa do fotógrafo, que pulso me pedides, eran as sete e pico da mañá!), lavadora, lavalouza, e... INTERNET!!! Rematou o de andar desconectado e dependendo da cheirenta sala de computadoras da Uni. Ata esta a miña comunicación co resto da humanidade foi ben precaria, lía os emilios pero non os contestaba, actualizaba esta bitácora moi pouco e non lin os dos demáis nin lles puxen comentarios. Ben, a partir do 2007 prometo empregarme máis a fondo. Os compañeiros de piso, dous estudantes pero próximos á miña idade (non nos imos enganar, non pintaba moito nun piso de moz@s de 19 anos), simpáticos e alemáns, non hai mellor cousa para practica-lo aprendido na escola.
Un paso máis na miña integración xermánica (que non asimilación). O malo é a mudanza. A habitación alúgase valeira, como adoita ser na Alemaña. Teño que acadar un colchón xeitoso e barato (nin para quedar pobre nin para crebar as costas) e o resto dos mobles xa iremos vendo. Durmo polo de agora nunha especie de colchoneta provisional e arrodeado duns taboleiros cos que se supón que teño que armar un armario e un escritorio, eu, que nunca fun bo co Tente ou co Lego. Pero non pasa nada, teño dúas fiestras. Esta que vos amosei e estoutra de Ningures. Deica.

04 Dezembro 2006

Curiosidade


A pregunta é ben sinxela, e nace da tamén sinxela curiosidade:
De onde sodes e desde onde estades lendo isto?
Levo constatado que moitos dos blogheiros e visitantes a Ningures están vivindo lonxe do seu lugar de orixe, tal coma min. Quero constatar en cantos sitios á vez se pode estar en ningures.
Deixádeme a resposta coma comentario, gracias!

A Papabirra


Por suposto, un Papa tan currinho e tan bávaro coma Ratzinger tinha que ter a súa propia cervexa: a Papst-Bier (podemos chamarlle a Papabirra ou a Ratzigarimba). Sairá fumata branca cando se abra? Mágoa que non escolleran ó Rouco Varela, senón se cadra tinhamos un licorcafé galego e pontificio.

Innstadt-Jacke



A famosa sudadeira do tour cervexeiro polo Innstadt, patrocinada pola birra do mesmo nome, xa está no meu poder! Tras cinco litros de lúpulo e orxo repartidos por dez bares, iso si, en diferentes días, que un xa vai vello. A que farda? (farda cando vaia pola terra, claro, porque en Passau tena todo cristo e lévana ata para ir correr).