19 Dezembro 2007

Bo Nadal

Hoxe marcho de vacacións e non poderei postear moito nas vindeiras dúas semanas. Así que BO NADAL A TODOS!

A partir do día de Nadal andarei pola Coruña, por se alguén quere contactar.

Unha animación que me gustou (ainda que un pouco triste, a verdade), de
Dony Permedi.

Unha aperta a todos.

13 Dezembro 2007

Lingua e literatura (e dálle...)


Andamos a voltas estes días co de lingua e literatura, que se o sistema literario galego e que se a liberdade artística, etcétera. En poucas culturas coma a nosa se dá esta identificación (ou confusión, para algúns) entre literatura e lingua, e cando esta lingua é o galego, intríncase todo co avance cara a normalización lingüística, o nacionalismo, a memoria histórica, que sei eu. Poñede o Telexornal e xa veredes como sae algún escritor opinando sobre algo, o do Iraq, o cambio climático, sobre todo, mais non fala de literatura. Iso ó Telexornal non lle interesa.

Revisamos a nosa historia filolóxica e literaria desde o Rexurdimento, e Rosalía aparece como a primeira e última literata pura. Só quería facer arte (só? Nada menos!). Outra cousa é a trascendencia ata os nosos días, a súa transliterariedade (existe ese palabro?). Logo vén a figura do literato comprometido, do intelectual escritor, do político das letras, Otero, Curros, Celso Emilio, Risco, e sobre todo Castelao, denunciando coas súas voces xa non o ninguneo cultural e lingüístico, senón toda a inxustiza social da nosa terra. Ata hoxe, con Manolo Rivas e a pancarta de Nunca Máis. Así foi e así tiña que ser. Os escritores non poden ser alleos á sociedade na que viven. O noso Día das Letras, o día da nosa lingua, é o día da nosa literatura e honramos os nosos escritores (ainda que lles esixamos estar mortos e ben mortos, mais ese é outro debate).

Así é que temos unha literatura anormal no seu desenvolvemento, porque tamén era e é anormal a situación de Galiza e o galego. Diferente, porque diferentes son as preocupacións dun escritor francés de Francia en francés cás dun escritor galego en Galicia e en galego. Ó francés poden preocuparlle moitas cousas, mais sabe que os seus bisnetos van seguir a falar francés, e que o seu país, a súa diferencia, a súa cultura, non vai desaparecer. O galego non o ten tan claro, e rebélase. En toda a evolución estilística da literatura occidental tamén temos sona de estar á marxe, á nosa bóla coa nosa loita. Non digo atrasados, e tamén se cadra este illamento é unha esaxeración, non estivemos nunha gurgulla. Mais non nos desviemos.

Pasemos do macro ó micro. O escritor, expremendo o seu maxín. O escritor, namorado da súa lingua, mimando cada palabra, depurando castelanismos, inventando novas expresións, enriquecendo a lingua sen deturpala, namorado de cada reviravolta prosódica, gardián do tesouro máis prezado dun pobo, a súa lingua. Canto hai de verdade nisto, polo menos hoxendía? É o compromiso unha eiva?

Xurxo Borrazás escandalizaba ó personal dicindo que el non facía literatura galega, el fai textos de Xurxo Borrazás. O moi traidor, ¿non sente bulir a savia forte e rexa dos seus devanceiros da tradición literaria galega? Sente, sente, ou non escribiría en galego, senón en castelán. Mais así reivindica a súa individualidade. Só na individualidade hai arte. Bebemos só da tradición literaria galega? Tamén da española, todos temos a chave do bilingüismo, e descubrimos a Cervantes, Borges, Cortázar ou García Márquez en orixinal. Algo bo tiña que ter. E da inglesa, e da polaca, de todas por medio dos idiomas que demos aprendido a chapurrar e ler, e polas traducións. E o cine, a televisión, os cómics, os blogs. Escribir en galego é unha militancia, unha fidelidade a unha cultura e a unhas raigames, militancia que significa pelexar nun mercado non tan gorentoso e pasar moitas penalidades (ainda hoxe teño que ouvir e ler que publicar en galego é moito máis doado que en castelán, manda truco). E malia todo, a maioría dos que comezan a escribir nesta terriña fano en galego, en contraste co decrecemento do número de falantes, por algo será. Mais cando un por un nos enfrontamos ó folio en branco a carallada rematou, e ningún compromiso ideolóxico che vai axudar a sacar un bo texto adiante. É o que quixo dicir Suso de Toro unha vez: hai que escribir en galego como se escribísemos en inglés. Esquecer a lingua que se está a utilizar, polo menos nese intre. Sistema literario galego, si, mais cando menos para min, escribir é un acto ferozmente individual.

Ollo. Hai que escribir ben, hai que coidar a lingua escrita, non sexamos trapalleiros, ou senón o resultado tamén será mediocre. Mais teño claro que me vexo entre o dilema da verosimilitude e a correción da escrita, quedo coa primeira. Poño por exemplo, se narro con personaxes do agro, ou prostitutas do lumpen, ou vendedores de herba ó por menor do meu barrio, non podo poñer saíndo das súas bocas palabras como nembargantes, sobranceiros, grazas e salientables. Non é verosímil, non pega. Non ten porque ser verdade, mais si verosímil. E estes personaxes falarán galego como poidan. E cando non falen, escribirei eu, o narrador, e tamén escribirei doutro xeito. Explicouno Mario Regueira moi ben neste post: “A idea de que os escritores deben ser gardiáns dunha lingua ideal é do século pasado. Os gardiáns da lingua son os seus falantes”. O pobo. Ti.

Por outra banda, visto desde fóra e sen tomar partido, un signo de normalidade cultural son polémicas como esta, con educación e argumentos, sen coiteladas nas costas. Somos un país pequeno, todos nos coñecemos (ben, a min non me coñecen nin na casa), nos cruzamos pola rúa e tampouco é plan de facer moitos enemigos, que nunca se sabe. O respeto e a cortesía son excesivos, e ás veces, falsos. Non viña mal un pouco de punk contra tanta institucionalización caribeña.

12 Dezembro 2007

Pois iso


Podedes pensar que non escribo no bló porque ando metido en grandes proxectos literarios...

Pois non.

Por certo, pulularei por Galiza as dúas semanas de Nadal.

(Imaxe de Forges tirada de elpais.com)

06 Dezembro 2007

A casa da avoa Josefa

Din en lembrar a casa da miña avoa. Era unha casa mariñeira típica de Laxe, de dúas alturas e pedra encalada, na Rúa de José Antonio Primo de Rivera, nome fascista que a todo o mundo lle daba igual, xa que sempre fora, é e será a Rúa da Andalusa, por motivos perdidos no tempo. O chan e as trabes eran de madeira rinchante, tiña ademáis un faiado escuro e misterioso, as paredes cheas de santos e fotos esvaídas de parentes defuntos esquecidos e fillos emigrados con netos que non deu coñecido. Tiña ademáis dous balcóns con recendo a xeranios. O que non tiña era auga quente, nin bañeira nin ducha, só un lavadoiro de azulexo onde eu e os meus primos nos despegábamos a area e a salmuira á volta da praia. Tamén tiña unha televisión, onde a miña avoa pasaba horas e horas, e eu tamén, naquelas tardes dos sábados de inverno cheas de debuxos animados e sen tomates e diarios de Patricia.
Os meus pais construiron a súa propia casa en Laxe, onde seguen a pasar os veráns e as fins de semana, mais eu de neno e rapaz quedaba na casa da avoa. Era bo negocio para todos, porque eu alí estaba a gusto, e a avoa facíame polas mañás torradas con manteiga e azucre. A avoa tiña así compaña, e os meus pais quedaban tranquilos, porque se á avoa lle pasaba algo eu saía a fume de carozo a buscalos. E non era paranoia, porque pasou máis dunha vez.
A avoa, indo xa velliña, pasaba tempadas cada vez máis longas connosco na Coruña, devecendo sempre por voltar á súa casiña mais comprendendo que no seu estado non podía quedar soa e que só se atoparía cos seus santiños, misas, visitas e amizades en esporádicas fins de semana, fuxindo todos apretados nun forfiesta, nós de asueto, ela fuxindo do seu exilio urbán, do que, por outra parte, nunca se queixou.
Un 22 de Decembro, xa case Nadal, foi onde sempre falaba que ía de ir, coa súa abraiante naturalidade de muller práctica, sen dramatismos nin cinismo, sen desexo místico nin resignación ou mágoa. Era algo que tiña que vir, e veu, ela viuno ben, nós non. Criou cinco fillos á parte doutros tres que morreran, e deixou dezanove netos e unha chea de bisnetos, e a min, un adolescente que aprendía a afeitarse o bigote, un valeiro moi grande, aterrador. Logo trocaría a infancia pola adolescencia, o que foi un negocio nefasto. De poucas cousas me fachendeo tanto como cando me din que era o seu neto preferido, supoño que pola chea de tempo que pasabamos xuntos, eu na súa casa e ela na miña, ainda que estes posesivos me soen agora absurdos. Claro que ela negaría tal favoritismo.
A avoa non levou con ela a casa, mais sen avoa non había casa, só ecos e lembranzas mal artelladas. Lembro como a vella, arrugadiña e amolada, cada noite desfacía o seu moño e este se transformaba nunha longa, mesta e rizada melena negra, case sen canas e cun vigor ó caer polas costas do seu camisón inaudito para os seus ben pasados oitenta anos.
Os fillos (dúas en Galiza, unha en Euskadi e dous na Arxentina) tiveron que vender a casa. Unha parella nova, coido, colleuna e deulle unha altura máis, un horrendo, infumable feto de ladrillo vermello. Logo a obra paralizouse. Nunca se instalaron e a casa segue valeira, con ese idiota sombreiro vermello, sobre a pedra encalada de branco. A casa xa non existe, repítome cando a vexo entre dúas esquinas, baixando da miña verdadera casa en Laxe en dirección á praza ou á praia. Mais as súas pantasmas si.