20 Dezembro 2008

Deica a volta

A partir de mañá, estarei entre vós... nas vosas rúas, nos vosos bares, nas vosas bibliotecas. Andarei pola Gallaecia ata despóis de Reis, e se cadra nos cruzamos (eh, Mario?)
Cando volva ás Bavieras, xa no 2009, procurarei levantar este blog ou renunciar a el. Outro tanto podo dicir da miña estancada obra. Revivilos ou matalos, mais estes estertores son indignos...

O que quería dicir: a frecuencia de postaxes verase nestas datas moi minguada ou suprimida.

Polo resto,
FELIZ NADAL A TODOS E BOA ENTRADA NO 2009
.
Tamén ós que odian o Nadal. Sobre todo a eles.

17 Dezembro 2008

Pasou en Passau


Se me permitides a aliteración, en Passau nunca pasa nada. Ou case. Eu vivín alí e a miña Anniña ainda está aló, e dou fe. É unha pequena cidade de 50000 habitantes á beira do Inn e o Danubio fronteiriza con Austria, que vive da súa Universidade, o comercio e o turismo, non hai case industria e todo o que a arrodea é agro. Así que quitando o balbordo estudiantil (ainda que nada que ver con SDC - tamén dou fe) pouco pasa. E como hai moitas "forzas de seguridade" e abúrrense, chega con que un gato suba a unha árbore e logo non saiba baixar para que aparezan sete coches da Polizei, catro camións de bombeiros, tres ambulancias e o alcalde en persoa.
E dixen "case" porque cando algo pasa en Passau, pasa de verdade. Da primeira que souben foi a dun convicto que voltou a súa ex-vivenda e matou á velliña que vivía nela. Logo, hai un par de anos, un par de mozos asasinaron a puñaladas a outra rapaza no que aparentemente foi un ritual satánico. Por certo, que os xenios do crime non tiveron mellor idea que fuxir... a Mallorca! Onde case non hai cidadáns alemáns que os poidan recoñecer. Á fin prendéronos en Euskadi.
Pero o desta semana dá medo. Antecedentes: morreu un vello nazi en Passau e con motivo do enterro organizouse unha especie de homenaxe ó que acudiu escoura marrón de toda Alemaña. A Policía non perdeu detalle. Un xefe do NPD, o partido neonazi, cubriu o cadaleito cunha bandeira nazi, coa esvástica. Bingo. Esa bandeira está prohibida en Alemaña e o xefe de policía Alois Mannichl amosouse inflexíbel: mandou prender ó político (por chamarlle algo) e abriu con orde xudicial a tumba para quitar a bandeira. Por suposto, os energúmenos rapados bramaron contra esa ultraxe á tumba do vello soldado. Esqueceume dicir que despois do azto eses protoseres se adicaron a facer o marulo polas rúas da vella Batavia, agredindo a unha moza.
O luns petaron na porta de casa de Mannichl en Fürstenzell, no concello de Passau. Un mozo aldraxouno "Saúdos da resistencia alemá, porco policía esquerdista. Non profanaráis máis as tumbas dos nosos camaradas" e acto seguido acoitelou ó policía no abdome. O mozo, evidentemente tamén afín á causa neonazi, fuxiu nun coche conducido por un cómplice. Mannichl houbo de non contalo, mais acaba de saír do hospital, e os asasinos (frustrados) seguen en busca e captura. O policía xa avisa de que non vai deixar a súa loita contra a extrema dereita.
(Inciso. Por certo, non é este un ataque terrorista? Non é terrorismo? Ou só o é cando o asasino é basco ou munsulmán?)
Namentres andan prendendo sospeitosos, saltou (por fin!) a polémica sobre a ilegalización ou non do NPD, tal como foran denantes ilegalizados outros partidos de extrema dereita. Porque a consigna do asasino e as que publica tal partido na súa web son idénticas. A violencia de extrema dereita, a "escoura marrón" como lle chaman os cidadáns alemáns de ben, cobrouse este ano tres mortos e centros de agresións só en Alemaña, e está no aire a cuestión de que as autoridades non foron permisivas de máis con este fenómeno. A miña impresión personal é que non teñen unha grande presencia en Baviera, ainda que crecente, mais son un verdadeiro problema nas rexións máis deprimidas do Este de Alemaña.

Nova en español.

16 Dezembro 2008

Advento Ratisboneiro

Así se ve un soleado domingo de Advento en Ratisbona.
Este é o río Regen. Unha das casas da dereita é a miña.


Este é o fermoso barrio-illa de Stadtamhof.


Polos mercados de Nadal.



Hello Kitty Hardcore.


No Danubio.



E a Catedral, claro. Xa coñecedes un pouco onde vivo.



03 Dezembro 2008

Deslocalizando

(Imaxe da edición dixital do Stern)

Se vos conto a seguinte historia non é para que fagades boicot a Müller, xa que supoño que será difícil atopar produtos desta empresa nos andeis dos supermercados de Galicia. É tan só un exemplo de cómo se moven as grandes empresas, sexan de Alemaña, España ou Cochinchina, aproveitándose de políticos demagogos e aparvados, cando non corruptos.
Comecemos polo principio. Müller é unha das meirandes empresas lácteas xermanas, se non a máis importante. Os seus iogures e outros lácteos, para o meu gusto, están ben bos, mais non son baratos. A leiteira decidiu expandirse e abrir outra factoría, pero non na ricaBaviera natal de Herr Müller senón que como imaxinaredes preferiu un sitio onde a poboación sexa máis pobre e daquela a man de obra máis barata. E para iso Müller tampouco tivo que irse a Europa do Este: decidiu implantarse na Alemania do Este, a ex-RDA, onde pode acadar o antes descrito e con menos costos e sen perxudicar a súa imaxe ante os consumidores alemáns. Criticable ata aquí? Se cadra, pero isto ainda non rematou.
Así que Herr Müller abriu unha fábrica no Bundesland de Saxonia (Sachsen) con 158 empregados. E por promover o emprego e tal o Touriño da Xunta de Saxonia e a UE déronlle unha subvención de 70 millonciños de euros. A min eses cartiños tapábanme un furado. Criticable, ata aquí? Como xa suporedes, a historia ainda non rematou.
Porque o Müller decidiu que facía iogures e leite de máis e fixo as súas contas. Con anterioridade mercara outra fábrica na Baixa Saxonia (outro Bundesland tamén ex-RDA e tamén pobre), que levaba funcionando 75 anos. Coa súa nova fábrica montada decidiu pechar a vella e mandar a 175 traballadores á puta Strasse. Se facedes contas, o leiteiro creou 158 empregos e desfixo 175, xa que logo destruíu 17 e cobrou catro millóns de euros das arcas públicas por cada un deles. Un negocio redondo!
Engádaselle que as vaquiñas comen penso tranxénico (Müller querellouse contra Greenpeace porque estes calificaron coma "Gen-Food" os seus produtos e perdeu), que lle insufla cartos ós neonazis do NPD... Se cadra deberiamos coller outros iogures do andel!
E iso pasa cos lácteos alemáns, coas textís galegas, coas eléctricas ex-galegas, coas petroleiras españolas e coas produtores de teléfonos móbiles molóns de Finlandia. O emprego irase a Polonia ou Bulgaria. Cando isto deixe de ser rendible moverán as súas factorías sucesivamente a China, Indonesia ou Filipinas ou onde lles cadre.
Estades en crise? Herr Müller non.